top of page
Buscar
  • A l e j a n d r o

Voltaremos.

A loita e o soño, a mellora e o crecemento, son parte da nosa esencia coma seres. Ser máis fortes, chegar máis lonxe; Medrar. Temos que fuxir dos medos, dos espellos e das comodidades do conformismo.


Seica todos os seareiros levamos un adestrador dentro, mais neste caso, o que pasa con Juan Carlos é puro desamor por Manuel Eduardo. Que tempos! Non si? Xacando todos tiñamos sosego e serenidade. Cando o Toto non era quen de gañar partidos e o Celta acumulaba xornadas entre críticas, tanto polo xogo coma polos resultados, houbo máis paciencia na bancada de Balaídos.


O equipo celeste ven de demostrar que pode e quere. A primeira volta de Unzue non foi peor que as doutros adestradores celestes no seu primeiro ano. A adaptación mutua nunha competición tan exixente non é doada. Pero a realidade é que os resultados van chegando devagar e abofé que o bo xogo tamén chagrá máis cedo que tarde.


Paseniño, os Celtistas voltamos ó rego, e namentres Iago e Maxi van metendo goles nós imos esbozando un sorriso con sabor a Europa League. E aínda que a historia do noso clube estivera vencellada ó termo “sufrimento”, temos que recoñecer que estamos gozando moito no sur de Galicia neste último lustro.


Aprendamos a disfrutar e a soñar con metas ata o de agora imposibles. Quen no lo impide? Por que non podemos repetir as gloriosas conquistas recentes? Por que non podemos melloralas? Se o falar non ten cancelas, o soñar... Soñemos! Vivir ilusionados e esperanzados sen caer na soberbia é case unha obriga.


Sen ambición non hai fútbol. Ese debe ser o noso credo. Teimar en bater esa porta. Loitar. Traballar co corazón coma alicerce e motor de tódolos anceios. Só así atoparemos o camiño á gloria.


Temos que rachar os elos desa cadea vella e chea de ferruxe chamada medo. Loitemos, ledos e dignos, coma sempre fixemos os Celtistas. Xuntos voltaremos. Voltaremos a encher outra “Exchange Square”. Voltaremos a por ela. Voltaremos para vencer.


(Artigo publicado orixinalmente en noticiascelta.com)



7 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page