top of page
Buscar
  • A l e j a n d r o

Un paso adiante.

A ambición deportiva é para Tottito e para os vellos, o conformismo é o futuro. Alomenos, esas son as sensacións que un ten cando sente que o nivel de esixencia entre os celtistas é tan baixo, cando nota que o medo pode máis que os desexos, cando o pasado pesa máis que o futuro.


No estadio municipal de Balaídos o río Lagares está soterrado, como certos anceios, soterrados nunha dor moi fonda, nunha dor moi longa. Unha pena negra que se converte en medo cando o noso clube ten a oportunidade de medrar no eido deportivo.


Sen medo a poder perder a perspectiva podemos asegurar que os tempos cambiaron, e que, proa ó vento, o barco avanza sen problema aparente nos sempre revoltos mares do fútbol español. Atrás quedaron aqueles tempos marcados polo medos e polos ritmos económicos que afogaban o proxecto deportivo dun Celta que só tiña cartos para pagar débedas. Xacando todo era gris.


Hoxe, o innegable éxito económico do clube estase a notar nos proxectos e realidades que forman parte da actualidade celeste. Ter unha nova sede, en propiedade, na principal rúa comercial de Galicia está ó alcance de moi poucos. O proxecto de Cidade Deportiva semella que terá unha dimensión, polémicas aparte, ata o de agora descoñecida no fútbol nacional.


Agora toca facer o exercicio de mirarnos no espello da historia sen medo a asumir o que somos e o que non chegamos a acadar, aceptalo e abrir unha nova porta, dar un paso, camiñar un novo camiño. Crecer, si, facerse máis grandes, máis fortes, mellores.


Ás veces, coa pretensión de seren humildes, algúns vólvense miúdos, pequenos, orfos de toda ambición. Esa é unha áncora moi pesada, que nos mantén fondeados nun mar de mediocridade.


Fichemos ilusión, e alguén que dende o banco do vello Balaídos saiba transmitila. Queremos paixón, ambición e gañas. Temos fame, unha gran canteira coma base e unha situación económica potente. Podemos. Contaxiémonos de ilusión.


Digámolo sen medo, temos que tentar gañar un título. Non haberá mellor celebración para o noso centenario que esa. Todos os que sentimos este clube coma propio poderemos saber o que se sente, disfrutar fachendosos, acadar un soño.


Unámonos baixo ese obxectivo común, ambicioso, real e noso. Camiñemos xuntos cara adiante, cara arriba, medrando, coa vontade firme e o convencemento de que somos quen de acadalo.


Éche tempo de ir á ceifa. Podemos acadalo ou non, pero temos a obriga de querelo, de soñalo e de loitalo.


(Artigo publicado orixinalmente en noticiascelta.com)


129 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page