top of page
Buscar
  • A l e j a n d r o

Baixen os prezos, enchan Balaídos.

Existen moitos celtismos, e porén, moitos celtistas habitan detrás de cada tipo de seareiro. Dentro do noso sentir común somos todos distintos e todos somos un só, un único e heteroxéneo concepto. Respectables todos, ás veces, tentamos atopar solucións ós problemas do noso clube.


Gustaríame falar dun deles, o problema da pouca asistencia a Balaídos. Unha cuestión complexa á que deberiamos atopar solución. Coido que a busca dunha resposta non será doada e, probablemente, atopemos varias.


Vaiamos por partes. Falemos primeiro da competición;Tan certo é que os horarios dos partidos inflúen coma dicir que estes non son controlables polo clube. Ademais, este é un problema de moitos equipos, pero, poucos teñen unha asistencia tan baixa coma a do vello campo do Fragoso. Esta variable, por si mesma, non é absoluta, pero sesumamos a un mal horario, unha noite de inverno e unha desapacible bancada construída en 1971, abofé que a asistencia empeorará.


Falemos, pois, da nosa casa: O estadio, alomenos nas bancadas non reformadas, é unha construción fría, vella e incómoda. Limpeza, mantemento e iluminación, aspectos básicos nas nosas vidas “civís”, semellan esmorecerse ó entrar en Balaídos. Os aseos de Marcador, con portas en madeira roída, papel hixiénico pendurando de cordeis, escasa iluminación, suciedade, filtracións, cheiro noxento e unha estética nada funcional,son un bo exemplo. Se vas cun pequeno a ver un partido e tes que cambiarlle o cueiro, non tes como facelo, nin onde facelo. Outro exemplo.


Certo é que estas cuestións non son causa de alarma entremáis fieis do Celtismo, eses que estamos cegos ante certas cousas e que pagamos só por ver ós nosos, pero ollo, ó mellor, si inflúen na asistencia doutro tipo de seareiros, doutro tipo de usuarios, ou mellor dito, doutro tipo de clientes. Teñamos claro que, para algúns, é o que somos. Logo, a cousas coma a fochanca das tres primeiras fileiras de Marcador, que por certo, cumpre 10 anos mollándonos os pés, únenselle a chuvia que sempre cae en determinados asentos de todo o estadio ou a eterna suciedade doutros.


Pero sexamos optimistas e pensemos no futuro inmediato. Coa reforma, as novas bancadas significarán novas oportunidades. Imaxinemos, por exemplo, a creación dunha bancada familiar, con tódalas comodidades e servizos para ese perfil de Celtismo ou, mesmo, se podería trocar a distribución dos prezos nas bancadas laterais. Xerar novos treitos, sen separacións físicas, pero si económicas para evitar espazos baleiros como pasa nos extremos de Tribuna ou Río. Un asento de Tribuna pegado ó peche de Marcador ten o mesmo custo, e non debería, que o asento que está diante de Presidencia. O que si cómpre ter claro dabondo é que coas novas bancadas só queda baixar os prezos. Baixalos, para enchelas. Se o que tanto importa é a imaxe, o plano, a televisión… Baixen os prezos e enchan as bancadas. Debería alarmar o descensoconstante da cifra de aboados,e os seus motivos, nestas tempadas tan exitosas.


Outro punto moi polémico é o da ausencia de espazo para estacionar nas proximidades do estadio. Na miña opinión, o tema do aparcadoiro é importante, pero non vital. Recoñezo que é un asunto moi persoal pero non cambio a comodidade polo encanto. Eu non. Un estadio dentro da trama urbana ten un valor engadido. A relación do entorno, a vida, os bares, as xentes que van e veñen polas rúas da contorna, o factor barrio e coma non, o peso da historia. Non se pode ter todo, aínda que co aparcadoiro proxectado para Balaídos, podemos estar moi preto.


Inflúe asituación económicae o custe do fútbol na asistencia? Xaora que si!Vigoé unha cidade eminentemente taballadora, cun moi pequeno sector público para o seu tamaño, e cun sector produtivo máis industrial que terciario. A industria tradicional (mar e automoción) está sufrindo na nosa cidade e iso nótase no emprego. Porén cunha capacidade económica tan mermada, a cidade olívica sofre, se cadra, un pouco máis que outras cidades do País e do Estado.


Amais, o fútbol por televisión é barato e cómodo asemade. Hai que asumilo, entendelo e traballar tendo en conta este punto. Os clubes téñeno claro, o principal ingreso é o das televisións, polo que só lles queda trocar o chip dos prezos para os poboadores das súas bancadas.


Os prezos, sempre os prezos. Devezo algo de sensibilidade de quen ten nas súas mans premiar ós seus, á súa xente, con descontos doados de enteder, contundentes, que se noten nos petos dos Celtistas, e que sexan progresivos. Descontos inversamente proporcionais ó que lle supoñemoscoma ingreso á entidade.


A vontade social e económica do clube pode traballar e axudar moito neste eido. Que pasaría se o gastado naquela campaña do “futuro arraigo e estabilidade” fora adicado a arraigar seareiros?Deberiamos preguntar tamén polos motivos dos que nos deixaron e atopar camiños para recuperalos. O fútbol é extremadamente capitalista,pero non esquezan que esta non é unha empresa máis. Non o é.


O mellor Director Comercial do Celta é o orgullo de tódolos seus aboados. Un socio contento e orgulloso, presume e fala fachendoso do seu Clube. Ese sentimento de pertenza, esa fidelidade, ese amor, é ouro. Deixemos de malgastalo axiña.


(Artigo publicado orixinalmente en noticiascelta.com)


7 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page