top of page
Buscar
  • A l e j a n d r o

Ar.


Na bocanoite daquel día de verán, o sol tentaba agocharse, xa canso, para durmires nun leito de auga chamado Ría. O circular teimudo dos vehículos sobre o empedrado formaba un son hipnótico, profundo e continuo cando, de socate, atopei aquel bar, unha escura e profunda gorxa na rúa, un pozo cheo de calores e sentimentos.


O interior era un rebumbio de granates, negros e dourados que latexaban a un ritmo diferente, melancólico e triste, teimando en deter o tempo. Infindas lámpadas con escasa luz xogaban coas sombras e coas xentes e, ó fondo, un reloxo vello de parede non marcaba a hora, non era preciso. O ar, enchoupado de néboa de tabacos diversos, axudaba a confundir ós solitarios habitantes da barra, armados con grosos vasos de cristal cheos de xeos e alcol.


Apaguei o puro namentres pousaba a miña mirada nos beizos que pararon o tempo. Cabelo moreno que deixaba ver só un daqueles impredecibles ollos, pouco movemento e unha voz sacada do mesmo fondo dunha mina. O saxo, o baixo e o piano enchían todo de Jazz. Ela comezou a facerme o amor coa súa mirada no mesmo momento no que unha bala atravesou o meu peito.


61 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Vigo.

Áncora.

bottom of page